AUTOESTIMA: Definición e baixa autoestima

Non vos minto se vos digo que unha das respostas máis frecuentes que me atopo en terapia á pregunta de “En que podo axudarte?” é “A mellorar a miña autoestima”. Ou “Son moi insegur@”.

As definicións formais da autoestima conceptualízana como a actitude ou valoración cara a un mesmo, formando parte da maneira na que nos percibimos. Esta definición, sen ser incorrecta, non nos serve de demasiado na sala de terapia, porque é demasiado abstracta, por iso nós preferimos unha forma de entendela un pouco máis práctica.

Entendemos a autoestima como un conxunto de frases coas que nos describimos e que veñen da man de emocións que poden funcionar como interruptores do que estamos dispostos ou nos atrevemos a facer (ou non). Estas formas de falar sobre nós mesmos adoitan incluír a un mesmo (Eu son/estou), e un adxectivo pegado á valoración que facemos del como algo bo ou malo (gord@/torpe/un desastre/pouco interesante…), e dependen case por completo da nosa historia persoal (por exemplo, no caso da imaxe corporal, vivir nunha sociedade que asocia a delgadez ó éxito, ou á saúde, ter acceso a miles de “corpos perfectos”, etc….).

Ademais, condicionan, como diciamos máis arriba, a nosa maneira de comportarnos: “como estou gord@ non vou á piscina”, “son pouco interesante, así que sempre quedo calad@ cando coñezo a alguén novo”… A diferenza entre alta e baixa autoestima, entón, está en que, no caso da primeira, estas frases inclúen contidos relacionados con consecuencias positivas para a persoa e fai que estas estean máis presentes para nós, de maneira que case podemos “tocalas” antes de facer a acción, e aumentan a probabilidade de que poñamos en marcha esa conduta. Por exemplo: “son moi boa en matemáticas” asóciase a consecuencias gratificantes para a persoa (aprender, gozar do estudo, sacar boas notas nesa materia…), facendo que estean máis presentes que as posibles consecuencias negativas (como a posibilidade de suspender). Isto aumenta as probabilidades de que poñamos en marcha condutas que melloren o noso rendemento en matemáticas, como explicar algo a un compañeiro, estudar, responder ás preguntas do profesor, etc… Isto, á súa vez, fai que cada vez teñamos máis experiencias que nos mostran que somos bos en matemáticas, “aumentando a nosa autoestima”.

Xusto o contrario é o que ocorre cando falamos de “baixa autoestima”: estas verbalizacións inclúen contidos relacionados con consecuencias negativas para a persoa, e, como fan que estas consecuencias estean máis presentes, diminúen a probabilidade de que poñamos en marcha esa conduta. Por exemplo: “son moi mala en matemáticas” asóciase a consecuencias negativas ou incómodas para a persoa (sentir que aprender costa esforzo, suspender algún exame…), facendo que estean máis presentes que as posibles consecuencias reforzantes (como o orgullo por mellorar en algo ou superar unha proba difícil). Isto aumenta as probabilidades de que poñamos en marcha condutas que empeoren o noso rendemento en matemáticas, como postpoñer os deberes e afrontalos cando estamos máis cansos, non preguntar as nosas dúbidas, etc. Isto, á súa vez, fai que cada vez teñamos máis experiencias que nos mostran que somos pésimos en matemáticas, “diminuíndo a nosa autoestima”.


ANDREA TABOADA

Benvid@s!