Baixa Autoestima: Tratamento

No noso anterior post explicabámosvos a forma na que nós entendemos a “autoestima” para poder traballala con vós en consulta. Hoxe, ímosvos explicar como o facemos. Da definición anterior, o máis importante para nós é que “depende das nosas experiencias, o que, á súa vez, depende das cousas que facemos”.

Esto ten dúas caras: por un lado pode facer que a nosa historia pasada, tanto respecto ó que nos dixeron ou contaron, ó que vimos que lles ocurría a outros e ó que nos ocurriu a nós, pese moito no que estamos facendo agora. Pero tamén nos trae moi boas novas, e é  que, con experiencias novas, podemos “acadar cambios”.

Como o facemos en terapia?
En primeiro lugar recollemos esas verbalizacións que a persoa realiza sobre sí mesma ou sobre o que cre que vai a ocorrer. Por exemplo: “Son moi mal@ en matemáticas. Dá igual canto estude, nunca se me darán bien”.

En segundo lugar, exploramos como a persoa querería comportarse nesa situación, e para que. Por exemplo: “Gustaríame sacar mellores notas en matemáticas para poder estudar a carreira que quero” “Esta carreira é importante para min porque me vai a servir para axudar ós demais e para ser independente”.

En terceiro lugar, establecemos un plan con condutas que van na dirección do que é importante para a persoa, de cada vez maior dificultade. Por exemplo: “Preguntarlle as dúbidas ó mestre e adicar un rato a practicar os exercicios tódolos días”.

En cuarto lugar, poñemos “un pouquiño de espazo psicolóxico” para que esas verbalizacións non funcionen como interruptor do que a persona fai ou deixa de facer. Para elo, empregamos tanto exercicios especificamente deseñados, como preguntas máis abertas. Por exemplo: “se a vergoña de preguntar ó mestre fose o prezo que tes que pagar para estudar esa carreira, estarías dispost@ a pagalo?”.

En quinto e último lugar, revisamos a súa experiencia e imos “escribindo unha nova historia”, máis axustada á realidade das capacidades, fortalezas e intereses desa persoa. Por exemplo: “Pregunteille ó mestre unha dúbida sobre un exercicio que non entendía e logo de resolverma, o resto parecéronne moito máis sinxelos. Os exercicios do exame eran similares, polo que puiden facelos todos”.

Gústanos dicir que a autoestima “constrúese”; non é algo que se “teña” ou se “regale en terapia”. Aquí tes o truco, así que te invito a que o poñas en prática se che gustaría tratar(te) de forma diferente ante algunha situación. Pregúntanos se tes algunha dúbida. Que teñades un bo día!

ANDREA TABOADA